top of page

GENA BAAMONDE
 

Creadora, directora, investigadora e intérprete cunha ampla traxectoria artística no eido das artes escénicas. Doutora cum laude pola Universidade de Vigo, impartiu docencia na facultade de Belas Artes de Pontevedra.e formou parte do equipo de investigación PE4. Foi investigadora pre-doutoral contratada pola UVigo. Titulada Superior en Arte Dramática, na especialidade dramaturxia e dirección de escena pola ESAD Galicia. Posgrao en Arte Dramática USC, Mestrado en Artes Escénicas pola UVigo. Formou parte durante anos do consello de redacción da RGT. Participou como creadora en Mulleres en Acción Violencia Zero da Deputacion de Pontevedra. Así mesmo, ten formación en Igualdade de Xénero, violencias simbólicas e diversidade sexual, e foi conferenciante en numerosas xornadas e congresos sobre xénero, diversidade sexual e artes escénicas. Realiza tamén o comisariado e coordinación da xornada A Marabunta, Mulleres artistas contra a violencia de xénero, para a Deputación da Coruña. Dende o 2024 dirixe a Mostra Internacional de Teatro de de Ribadavía xunto a Sabela Mendoza.

No 1989 entra a formar parte da compañía Matarile Teatro, coa que traballa como intérprete en numerosos espectáculos, e forma parte do equipo do Teatro Galán e do festival internacional de danza En Pé de Pedra. Reside varios anos en Madrid, onde recibe formación en artes escéncas e danza, entre outras, de Carmen Werner, Ana Buitrago, Olga Mesa, Mónica Valenciano, Andrés Corchero. Forma parte como intérprete do proxecto de danza Te invito a morir da Resad Madrid, dirixido por Elvira Sanz e Coral Troncoso, co espectáculo Divos para Megaló Teatro Móvil con coreografía de Nicolás Rimbaud e forma parte da colectivo artístico Esteoeste xunto a Estela LLoves e Raquel Sánchez coa que é selecionada para o programa Tres Nits de Dança polo colectivo La Porta, Barcelona. No 1999 funda a compañía María a Parva, na que asina a dirección e texto orixinal dos espectáculos, Mullerona, Xogo para nenas e Indignos. Habitual da escena galega, traballa como intérprete para numerosas compañías, e realiza asistencias en dirección e dramaturxia para o Centro Dramático Galego, Factoría, Disque Danza, A Artística e Voadora xunto a Marta Pazos coa que ten traballado en numerosas ocasións como na axudantía en dirección de Martes de Carnaval para o CDG, aseoría na dirección e asesoramento temático na creación do espectáculo da compañía Voadora Soño dunha Noite de Verán e axudante de dirección no Don Juana.  Xunto a Vanesa Sotelo e Eva Ferreira é seleccionada para desenvolver un proxecto de investigación escénica arredor da obra da escritora Lupe Gómez no programa Artistas en Residencia organizada polo CDG e o CCG.

 

Forma parte, na creación e dirección, de diversos proxectos da compañía A Artística, como Des-me-moria-2 e Verde a tempo completo, onde tamén crea e dirixe o espectáculo Arquitectura da emoción. Entre os seus últimos traballos cabe destacar, a dramaturxia, dirección e xunto coa compañía A Panadaría, a creación e escrita do texto orixinal, do espectáculo Elisa e Marcela, traballo que recibiu numerosos premios e recoñecementos, entre outros, o Premio Luísa Villalta de Igualdade o Premio María Casares á Mellor Dirección, Mellor Espectáculo e Mellor Texto Orixinal, o e o XIV Premio LGBT do colectivo ALAS. Dirixiu para o CDG, o espectáculo Neorretranca e Posmorriña. Tamén realiza a dramaturxia e dirección para a compañía Matrioshka Teatro dos espectáculos Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos, baseado en textos da escritora María Victoria Moreno e a creación Comando Comdres, para o que tamén fai o espazo escénico e vestario e xunto a Mari Ángeles Iglesias e Matrioshka Teatro o texto orixinal, espectáculo que recibe o Maria Casares a mellor actriz secudaria Anabell Gago e mellor maquillaxe Trini F. Silva.

Realizou a dramaturxia da peza de danza, Intempestiva para a compañía Elahood, baseada nos textos e biografía da escritora Xela Arias, peza que recibe o Primeiro Premio e Premio da Crítica no Certame Coreográfico de Madrid (2021) e Premio a Mellor Espectáculo na Plataforma de Diálogos Contemporáneos do Festival DZM de Cáceres (2021) e para a mesam compañía acompañamento na dirección e dramaturxia do espectáculo Nó. Xunto a Rut Balvís e Manu Lago realiza a dramaturxia, creación e dirección de Clásicas Desfeitas Vol. 3 para a Cidade da Cultura de Compostela e que contou cunha residencia REGA. Vén de dirixir á escritora Brigitte Vasallo nas pezas Triloxía de Naxos. Drama en tres lamentos e un par de actos, presentada na Nau Ivanov, apoiada polo programa Filadora en Residencia en Barcelona, e a conferencia escénica Queixa, apoiada polas Residencias Paraíso, presentada dentro da Mostra Internacional de Teatro Ribadavia, no Festival TNT e convidadas a Universidade de New York no Cuny Graduate Center. Dirixe As Formas do Amor da compañía Verdeveras e fai a codirección artísitica da peza BenQuerer da compañía Fran Sieira. 


 

bottom of page